|
O pasado xoves, Sés ofreceu un concerto en Carballo, unha actuación na que María Xosé Silvar e a súa banda volver deixar abraiado ao público cos seus sons blueseiros e o poderío vocal de SIlvar. Preto de 200 persoas asistiron ao recital no pazo da Cultura, que estaba case cheo para descubrir o novo proxecto da que fora cantante de Chámalle Xis!. Unha formación ao estilo big-band, con tres coristas, sección de ventos e un feixe de músicos profesionais que durante case unha hora e media interpretaron os temas da maqueta de Sés e do que será o seu primeiro disco.
O concerto de Sés --do que se fixeron eco os principais medios de comunicación, como La Voz de Galicia, que publicou unha imaxe da actuación na portada da edición de Bergantiños-- serviu de peche do curso de verán de Dinamización Lingüística organizado pola Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo que se celebrou os días 14, 15 e 16 de xullo en Carballo e que foi impartido por grandes nomes da cultura galega como Ana Romaní ou Sechu Sende, entre outros. E é que a lingua e a literatura son dous ingredientes fundamentais nas cancións de Sés, compostas todas elas por Xosé Silvar, que ademáis de música é licenciada en Filoloxía Galega. De feito, a propia María Xosé Silvar tamén participou como relatora no curso, no que falou da súa experiencia ao conxugar lingua e música.
Máis fotos do concerto na web de Sés: www.mariaxosesilvar.com

|